[28/10/2010] A Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), dependente da Concellería de Benestar Social e Igualdade, organiza por cuarto ano consecutivo o curso de corte, confección e patronaxe dirixido a todas aquelas persoas interesadas en aprender a arte das agullas. O curso como en anos anteriores impartirase na aula de usos múltiples da Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta actividade comezou hoxe e impartirase todos os xoves en horario de mañá, de 10:00 h. a 12:00 horas, e de tarde, de 18:00 h. a 20:00 horas. A quenda de tarde levarase a cabo no caso de sexa necesario dependendo do número de inscritos. O prazo para apuntarse aínda está aberto.
O curso é totalmente gratuíto e conta coa presenza de dúas profesoras voluntarias que teñen xa varios anos de experiencia, Braulia Hernández e Herminia Abete. Braulia, a profesora principal, é unha voluntaria xubilada, que despois de moitos anos exercendo como modista en Venezuela, retornou a Ames e é agora quen comparte e imparte todos os seus coñecementos de forma totalmente voluntaria. Herminia, pola súa banda, é a profesora de apoio, non por iso menos importante.
O curso impartirase desde hoxe con sesións semanais de dúas horas, ata o próximo mes de xuño. Ata o momento están apuntadas 12 persoas nesta edición, todas mulleres, aínda que o curso está dirixido a homes e mulleres de calquera idade. De feito en anos anteriores, o curso contou con alumnas de idades moi variadas, incluso unha rapaza de 15 anos.
Ao longo dese curso as alumnas poderán aprender a comprender os patróns base da costura e os seus escalados para crear elas soas os seus propios modelos ou transformalos. Este é un oficio que sempre esperta gran curiosidade entre todos/as aqueles afeccionados/as á moda.
Ao final do curso, como todos os anos, as alumnas terán a oportunidade de ofrecer ao público unha exposición de fin de curso, na que exhibirán as creacións que realizaron gracias aos coñecementos obtidos durante os próximos meses.
Con esta iniciativa, a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), continua ofrecendo á poboación amiense unha formación moi demandada. Se queres apuntarte nesta actividade aínda estás a tempo de facelo. O curso é completamente de balde e para participar só hai que chamar á Oficina de Voluntariado de Ames marcando ou 981 883 703. Neste número tamén obteremos información sobre outras actividades da oficina e, o que é máis importante, explicarannos como podemos converternos nós en voluntarios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario