lunes, 17 de enero de 2011

A Escola de Maiores do Milladoiro visita a exposición da colección Zanchi de grandes mestres da pintura no centro social NovaCaixaGalicia de Santiago














Unha visita polas obras fundamentais da colección Zanchi datadas entre os séculos XV ao XIX que recolle as pezas de artistas europeos da talla de Miguel Anxo, Tiziano, Caravaggio, Van Dyc, Rubens ou Durero, artistas cuxas obras constitúen un fito importantísimo na historia do arte e que resultan fundamentais para entender a evolución do arte europeo. 16 membros da Escola de Maiores tiveron a oportunidade de pórse fisicamente fronte a estas pezas e analizalas coa axuda dunha guía que lles foi explicando o contexto artístico e histórico no que se encadraba cada obra e aportándolles aos visitantes unhas sinxelas explicacións sobre o contido dos lenzos e as interpretacións simbólicas dos elementos que aparecían recollidas nestas. Á visita contou coa presenza da concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel González, e de Leonardo Pena, técnico de servizos sociais, xa que esta é unha iniciativa deste departamento realizado a través da Oficina do Voluntariado de Ames. Así, a concelleira acompañou aos alumnos da escola de maiores e compartiu con eles, despois da visita, un momento de descanso no que estes mostraron á concelleira a importancia de que o concello, que puxo á disposición dos visitantes o autobús para trasladarse a Santiago, continúe a realizar este tipo de actividades que os interesados califican de "moi importante á hora de axudarnos a ampliar a nosa cultura". Abraiados polos lenzos de Durero, polo realismo da pintura "A incredulidade de Santo Tomás" froito das laboriosas mans de Caravaggio ou pola distorsión simbólica recollida na obra "A virxe de colo longo". Así saíron os 16 alumnos e alumnas da Escola de Maiores do Milladoiro das salas do Centro Social que NovaCaixaGalicia ten na compostelá praza de Cervantes e na que se expón parte das obras fundamentais da colección Zanchi, unha das pinacotecas máis importantes do mundo polo amplo e variado número de pezas da historia do arte que recolle esta colección privada que, ata o de agora, só ten exposto ante o público parte dos seus contidos no Xapón e en Santiago. Unha oportunidade que os interesados neste tipo de obras non deben deixar pasar e que os membros da Escola de Maiores puideron aproveitar ao máximo, pois contaron coa presenza dunha guía do centro social que os acompañou durante a visita e lles foi explicando o contexto histórico no que xurdiron as obras expostas e os seus autores, así como as formas básicas de interpretar os contidos dos lenzos e a importancia que estes teñen pola súa grande calidade técnica no que ao trazado do pincel se refire. "Unhas explicacións moi comprensivas dos cadros", recoñeceu o mestre da escola que os acompañou na visita.


Mantegna, Miguel Ángel, Tiziano, Tintoretto, Caravaggio, Durero, Rubens, Murillo, Ribera, Mengs, Turner, Van Dyc, Ingres, Rubens... son os artistas representados nesta exposición froito do interese dos herdeiros de Jean Zanchi, fundador da colección que leva o seu nome, de mostrar ao público a parte das 800 pezas que inseridas na colección, 40 das cales viñeron a Santiago. Un fito de especial relevancia se temos en conta que é a segunda vez que parte da colección se expón ao público e que a primeira vez que isto se produciu foron os xaponeses os únicos que puideron gozar dalgunha das pezas máis importantes da historia do arte europeo.

Entre as pezas máis comentadas polos visitantes, destaca "A virxe de colo longo", un lenzo do pintor manierista italiano do século XVI Parmigianino no que o estilo manierista que se caracteriza por distorsionar os elementos naturais -neste caso as proporcións corporais das figuras- para lograr unha maior expresividade que sen fuxir de todo dun certo realismo aporta unha nova visión simbólica nos contidos. De Caravaggio, a peza "A incredulidade de Santo Tomás" permitiulles admirar, dunha banda, o realismo das figuras representadas que debido á grande calidade técnica do pintor semellaban saír do lenzo, e doutra, observar de primeira man o concepto de tenebrismo acuñado para definir o uso das luces e sombras que Caravaggio empregaba para dotar ás súas representacións dunha maior plasticidade. E como non, a escultura de bronce do máis afamado dos artistas do Renacemento italiano: Miguel Anxo, unha peza en bronce que leva por nome Atropos, unha peza que representa a unha das tres Parcas da mitoloxía grega, sendo as parcas as encargadas de cortar o fío da vida de cada persoas dende o nacemento ata a morte, sendo Atropos a máis implacable na súa labor, e por elo, a máis temida.

Trala visita, os alumnos da Escola de Maiores reuníronse para tomar algo e departiron coa concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel González, a importancia que para eles tivo a visita e o interesados que estarían en que este tipo de actividades se estendesen no tempo. A iniciativa da visita parte da concellería de Benestar Social e Igualdade e levouse a cabo a través da Oficina do Voluntariado de Ames, sendo o concello o encargado de solicitar e cubrir os gastos derivados da posta a disposición dos veciños interesados nesta visita do autobús que os trasladou a Santiago. Así, tanto a concelleira como os alumnos da Escola de Maiores coincidiron na posibilidade de levar a cabo futuras actividades de este tipo, que tal como afirmou o mestre da escola, "axudan a aumentar o nivel cultural dos maiores" e constitúen unha forma sinxela, orixinal e ao mesmo tempo moi lúdica de aprehender novos coñecementos en diversas materia
s.

No hay comentarios:

Publicar un comentario