[25/10/2010] O Centro Comercial de Area Central, situado en Santiago de Compostela, acolleu entre os días 21 e 24 de outubro a I Feira Galega do Voluntariado. A Oficina de Voluntariado do Concello de Ames (OVA) non faltou a esta cita e estivo representada cun stand propio. Ademais moitos dos voluntarios amienses que participan na OVA informaron a todo o público que pasou polo stand dos proxectos e actividades que se desenvolven no Concello de Ames. O alcalde de Ames, Carlos Fernández e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel González, tamén visitaron o stand amiense.
O Concello de Ames, a través da Oficina do Voluntariado, organiza numerosas actividades e eventos que serven para fomentar a participación social entre os diferentes individuos e colectivos da poboación amiense. Ademais a través deste servizo preténdese apoiar os sectores de poboación máis desfavorecidos como son as persoas maiores, inmigrantes, infancia, persoas con discapacidade, muller e minorías étnicas.Co fin de dar a coñecer todas as actividades e obradoiros que se levan a cabo dende a OVA, esta institución acudiu á I Feira Galega do Voluntariado, que se desenvolveu entre os días 21 e 24 de outubro, no Centro Comercial de Area Central en Santiago de Compostela. Esta feira estivo organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e desenvolveuse cun dobre obxectivo. Por unha banda, a Xunta de Galicia pretendía difundir e promover o labor das asociacións de Galicia e, por outro, recoñecer e agradecer o traballo desinteresado que prestan os voluntarios e voluntarias.
Como soe ser habitual a Oficina de Voluntariado do Concello de Ames (OVA) estivo presente neste evento cunha ampla representación de voluntarias/os e un stand propio e innovador. Cómpre destacar que foron moitas as persoas que se pasaron polo stand amiense para informarse das actividades que se organizan no noso concello. Os asistentes puideron informarse dos proxectos e actividades que desenvolve o voluntariado municipal de Ames mediante dípticos, trípticos, cartelaría específica e a proxección de imaxes sobre o concello en xeral e sobre o voluntariado amiense en particular. Tamén se aproveitou esta cita para que todo aquel que o desexase se puidera facer voluntario/a e para intercambiar experiencias con outras asociacións e Concellos.
Ademais de difundir o labor dos voluntariado amiense tamén se informou sobre outras actividades culturais e deportivas. Moita xente que pasou polo stand da OVA interesouse polas rutas de sendeirismo que organiza o Concello de Ames. Outras persoas preguntaron por cuestión máis xerais. Así algúns veciños/as preguntaron polos trámites de empadroamento que hai que realizar para darse de alta no Padrón municipal. A máxima afluencia de público produciuse durante a tarde do sábado e do domingo.
Neste evento tratouse de dar a coñecer as diferentes actividades que se organizan desde este departamento municipal ao longo do ano. Algunhas destas actividades son o proxecto de acompañamento a persoas maiores e/ou persoas con discapacidade, a Escola Integral de Maiores, o proxecto de apoio escolar e actividades complementarias para nenos e nenas en risco de exclusión social ou o roupeiro municipal que se atopa nas dependencias municipais de Aldea Nova. Actualmente son arredor de 40 os voluntarios/as que participan nas diferentes accións que se organizan dende a OVA.
Neste encontro participaron 50 entidades que montaron o seu propio stand. Ademais, organizáronse diferentes excursión de estudantes de bacharelato e FP, universitarios, asociacións de amas de casa, de veciños, de consumidores e tamén da terceira idade. O evento contou con dous espazos diferenciados. Por unha banda, houbo unha zona expositiva, onde se colocaron os stands de cada unha das entidades que participan no encontro, e por outra parte houbo un espazo dedicado ao desenvolvemento de múltiples e diferentes actividades de ocio.
O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel González, non quixeron perder este congreso e tamén visitaron o stand amiense. Moitos dos voluntarios/as que realizan o seu labor de xeito desinteresado tamén se achegaron ata o stand do Concello de Ames.
No hay comentarios:
Publicar un comentario