
O Nadal é una celebración que os cativos agardan con ansia. Cando comeza  o mes de decembro todas as rúas se iluminan, os comercios decóranse con  motivos de Nadal, e tamén o fan así os fogares. Sen dúbida, os rapaces  son os que viven con máis ilusión a tempada de Nadal. Pero non todos os  rapaces teñen a sorte de poder contar con agasallos e xoguetes nestes  días, polo que, o Concello de Ames pon en marcha, por oitavo ano  consecutivo, a campaña de recollida de xoguetes.   Baixo o lema "¿Déixasme xogar?", a Concellería de Benestar Social e  Igualdade pon en marcha unha nova edición desta campaña. A través desta  iniciativa, as familias con máis recursos poderán axudar a que, aquelas  que non dispoñen de recursos, poidan proporcionarlles aos seus fillos un  xoguete nesta época tan especial para todos os cativos. É o oitavo ano  consecutivo que a Oficina de Voluntariado de Ames dependente da  Concellaría de Benestar Social e Igualdade leva a cabo esta iniciativa.    Todas as persoas que queiran colaborar coa campaña deberán depositar os  seus xoguetes nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, de  10:00 h. a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Así mesmo, prégase que  os obxectos doados sexan novos ou se atopen en bo estado, e non teñan  carácter bélico nin sexista. As persoas interesadas en doar algún  xoguete teñen de prazo ata o día 30 de decembro.    Finalizado o prazo de entrega, a Oficina Municipal de Voluntariado será a  encargada de repartir os xoguetes recollidos nesta campaña entre as  familias con menos recursos. Deste xeito, todos os rapaces poderán gozar  dun agasallo nun día tan especial e esperado para eles como é o día dos  Reis, no que a ilusión e a diversión debe ser o que predomine en todos  os nenos e nenas.    As persoas que desexen obter máis información deberán dirixirse á  Oficina Municipal do Voluntariado (OVA) ao teléfono 981 883 703, ou ben  ás Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario